martes, 28 de mayo de 2013

A ÁREA DA MULLER DE ESQUERDA UNIDA RECLAMA UNHA ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA E DE CALIDADE PARA AS MULLERES, INCLUÍNDO O DEREITO AO ABORTO

No 28 de Maio,  día Internacional de Acción pola saúde das mulleres, a Área de Muller de Esquerda Unida da Comarca de Vigo únese ás reivindicacións da Rede mundial de mulleres polos dereitos reproductivos, recordando que millóns de mulleres no mundo non teñen acceso a servicios de saúde reproductiva o cal supón unha violación sistemática dos dereitos humáns. Dende a Área de Muller de Esquerda Unida queremos lembrar que no noso País os recortes en Sanidade e as estratexias privatizadoras da sanidade pública terán vítimas, e suporán tamén unha degradación na calidade da asistencia nos aspectos relacionados coa saúde reproductiva e sexual que afecta específicamente ás mulleres.

Neste día Internacional de Acción pola saúde das mulleres, dende a área de muller de Esquerda Unida queremos denunciar  os recortes na Área  sanitaria de Vigo, onde mentres as listas de espera non paran de aumentar, o SERGAS decidiu o peche da planta de xinecoloxía do Hospital Xeral  durante os meses de Xullo, Agosto e Setembro.  A lista de espera estructural de xinecoloxía no CHUVI ten aumentado de 49.8 aos 63.4 días de media, indicando unha demanda que fai inxustificable o peche desta planta durante tres meses.


Así mesmo, neste 28 de Maio queremos recordarlle ao Ministro de Xustiza Alberto Ruíz Gallardón e ao goberno do Partido Popular que non se defende a vida recortando dereitos e que, segundo a OMS, preto de 47.000 mulleres  morren anualmente no mundo por abortos inseguros realizados de xeito clandestino, debido á imposibilidade de acceso aos servicios de aborto seguro e legal, e á negación  da autonomía das mulleres sobre os seus corpos e as súas vidas. Dende Esquerda Unida rexeitamos a contrarreforma da lei do aborto que prevé impulsar o Goberno  e esiximos a aplicación efectiva dos nosos dereitos sexuais e reproductivos. Por iso, defendemos o dereito inalienable das mulleres a decidir e a que as institucións públicas garantan as condicións para que este dereito fágase efectivo  e demandamos políticas integrais en materia de educación sexual que doten de ferramentas á poboación máis nova para que poidan decidir consecuentemente sobre as súa sexualidade e as súas vidas.